29 oct 2009
A Romaría de San Martiño queda aprazada
29.10.09
Comentar
A Romaría de San Martiño celebrarase -se o tempo acompaña- o domingo 29 de novembro. A saída do Santo será ás 10:30 horas dende a Praza do Calvario ata a súa ermida, onde ás 12:00 h oficiarase a Misa Solemne con sermón. A Romaría estará animada polo grupo de gaitas "Albariños de O Rosal". Previamente o día 11 (San Martiño) ás 18:30 horas oficiouse unha misa na súa honra na igrexa parroquial da vila. Velaquí vos deixamos como lembranza a nosa reportaxe da Romaría de San Martiño do ano 2008.
28 oct 2009
Aclaratoria charla informativa sobre a Gripe A
28.10.09
Comentar
O martes 27 de outubro tivo lugar no Auditorio Municipal do Rosal unha interesante conferencia informativa que xirou ao redor da nova gripe, a "GRIPE A". Estas charlas están organizadas pola Deputación de Pontevedra coa colaboración da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e neste caso do Concello do Rosal. Ata aquí achegouse para falar deste importante e actual tema Margarita Cueto Baelo, xefa do servizo de Medicina Preventiva do Hospital Xeral de Vigo, quen estivo acompañada pola inspectora médica e coordinadora destas charlas, Mª Carmen Campos Puente. O acto foi presentado polo alcalde Jesús Mª Fernández Portela quen deu a benvida e agradeceu a presenza dos asistentes entre os que se atopaban –entre outras- a concelleira de Sanidade, Ángeles Vicente, a concelleira de Servizos Sociais, Mª Carmen Alonso, a concelleira de Educación, Mabel Franco e a concelleira de Cultura, Charo Tabales. Nesta conferencia informativa a doutora Margarita Cueto explicou en que consiste en realidade a Gripe A, indicando que está causada polo virus A (H1N1) e que se transmite de persoa a persoa principalmente polo aire, a través das gotiñas de saliva e secrecións nasais que se expulsan ao tusir, ao falar ou ao esbirrar. Tranquilizou aos asistentes afirmando que na gran maioría dos casos produce unha clínica leve, similar á gripe de sempre, que cura na casa. Esta médica deu uns consellos básicos para previr esta gripe, tal e como lavar as mans frecuentemente, extremando a limpeza nos espazos de convivencia; tapar a boca e o nariz cando se tuse ou se esbirra empregando un pano desbotable que se tirará nunha papeleira. A doutora Cueto indicou que se hai síntomas da gripe mellor quedar na casa para non contaxiar aos demais, en repouso e consumindo os antigripais de sempre. Dende o Concello do Rosal se advirte que ao existir factores de risco de complicacións ou algún síntoma de agravamento é conveniente chamar aos teléfonos sanitarios 902 400 116 ou ao 981 953 400 onde se orientará como actuar, xa que a mellor forma de prevención é a información.
I Marcha en BTT Serra da Groba Sur
28.10.09
Comentar
O pasado domingo 18 de outubro celebrouse a I Marcha en BTT Serra da Groba Sur organizada polos Concellos da Guarda e do Rosal en colaboración co Club Ciclista Guardés e o Club Ciclista O Rosal. O recorrido presentaba unha dificultade media xa que os participantes percorreron 35 km en gran parte por pistas da serra da Groba. Iniciouse o percorrido na rúa Transversal Troncoso da Guarda e continuou cara a subida ao Torroso, Pico da Bandeira, Alto da Portela, A Valga, capela de San Martiño, Muíños do Folón e do Picón e O Rosal. Aquí, na praza do Calvario agrupáronse os participantes para avituallarse antes de continuar novamente en dirección á Guarda pola capela de Santa Ana, Sandián, Pancenteo e A Gándara. Tamén se entregaron distintos agasallos aos dous clubs colaboradores.Entre os inscritos estivo o ciclista profesional rosaleiro, Serafín Martínez, do equipo Xacobeo Galicia (na fotografía con varios participantes nesta I Marcha en BTT).
27 oct 2009
Trofeos do I Campionato de Futbolín "Os Cabaqueiros"
27.10.09
Comentar
Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica da entrega de trofeos do I Campionato de Futbolín "Os Cabaqueiros" que se celebrou diante da Casa do Concello. Todos os xogadores foron obsequiados con cadansúa medalla conmemorativa, diploma de participación e un lote de libros do Rosal. Os gañadores, aparte dos trofeos levaron 150 euros como premio, os subcampións 75 e os terceiros clasificados 50 euros máis os correspondentes trofeos.
Entregaron estas distincións tanto o alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela, o concelleiro de Deportes, Ángel Martínez, a concelleira de Cultura, Charo Tabales e por suposto... os mestres cabaqueiros, orgullosos de prestar o seu nome a este I Campionato de Futbolín, que de feito se creou na súa honra, lembranza e recoñecemento para a Historia.Lembramos que os campións do torneo foron a parella formada por Sergio Casal Fernández e Luis Martínez Pereira (Yeya·Luis) que gañaron na final a Sergio Rodríguez Álvarez e Braulio Álvarez González (RMX·NIÑO). Na loita polo terceiro posto venceron Diego Álvarez Fernández e Diego Martínez Alonso (By Per@) ao equipo "Os Amigos" integrado por Antonio Lomba Rodríguez e José Martínez Fernández.
26 oct 2009
O deputado provincial de Deportes, no Rosal
26.10.09
Comentar
O luns 26 de outubro tivo lugar no Concello do Rosal o acto de sinatura e entrega da subvención de 2009 outorgada pola Deputación aos clubs Balonmano Atlético Guardés –que percibirá 10.000 euros- e ao Tomiño Fútbol Club, que ingresará 5.000 euros. Ata a vila rosalesa achegouse o deputado provincial de Deportes, José Enrique Sotelo quen estivo acompañado do alcalde e tamén deputado Jesús Mª Fernández Portela. Así mesmo estiveron neste acto Esperanza Iglesias Vilachá como presidenta do Atl. Guardés e responsables do Tomiño F.C. co seu presidente Jesús Montero Villar, á cabeza. Ambos dirixentes recalcaron a importancia desta subvención para sufragar os gastos de viaxes (sobre todo no caso do Guardés que se ten que mover a Canarias, Navarra…), material deportivo, arbitraxes… Unha vez rematada esta reunión o deputado provincial de Deportes e o alcalde do Rosal visitaron o pavillón municipal para comprobar in situ o estado das obras de melloría que se están acometendo. Velaquí vos deixamos algunhas imaxes da súa estadía na vila.
25 oct 2009
Contacontos de Sabine Pfister e Benito Guerreiro
25.10.09
Comentar
Dende 1997 e grazas á iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, cada 24 de outubro se celebra o Día da Biblioteca. O obxectivo principal é fomentar o emprego de bibliotecas como un servizo fundamental do dereito ao libre acceso á información. O sábado de mañá a concellaría de Cultura que dirixe Charo Tabales Perozo ofreceu para conmemorar este día na biblio municipal unha sesión de "Contacontos" que estivo a cargo de Sabine Pfister e Benito Guerreiro. Ámbolos dous desplegaron un auténtico repertorio de enxeño e humor que fixeron as delicias dos máis pequenos. Velaquí vos deixamos unhas cantas imaxes deste sinxelo pero animado acto.
23 oct 2009
O noso paseo pola Sala de Exposicións
23.10.09
Comentar
Velaquí vos deixamos a reportaxe fotográfica que realizamos na Sala de Exposicións municipal con motivo da XXII Festa do Cabaqueiro. Alí houbo mostras dos alumnos de pintura do Concello, de maquetas de Praxíteles González e Serafín González (na imaxe co seu enxeñoso muíño), de fotografías de Pepe Buiza e -como non- de pezas e material da cabaqueira.
22 oct 2009
Cruz Roja e Anabam unidos polo Medioambiente
22.10.09
Comentar
Cruz Roja Baixo Miño coa colaboración da asociación ecoloxista Anabam porá en marcha o proxecto "Moviéndonos por el Río", que ten como obxectivo principal contribuír á conservación e recuperación do río Miño a través da concienciación e a educación ambiental dos cidadáns. Para a posta en marcha deste proxecto, financiado polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, crearanse equipos de voluntarios que realizarán accións formativas, así como evaluacións e diagnósticos do Miño, que favorezan e contribúan á conservación do río.
Accións de formación e intervención
Durante a campaña, que se extenderá entre os meses de novembro e decembro, se realizarán accións formativas e de intervención directa sobre o río. Nas primeiras xornadas, técnicos da asociación ecoloxista Anabam e de Cruz Roja explicarán as peculiaridades das nosas ribeiras, así como as ameazas que sofren as especies autóctonas da zona. Durante as seguintes xornadas, o equipo de voluntarios procederá, entre outras cousas, a recoñecer as características da fauna e flora da zona, a limpeza das marxes do río (tanto de especies foráneas como de residuos que poidan existir), transplantar as plantas autóctonas en perigo de extinción e a realizar medicións da calidade da auga.
Información sobre o proxectoTodos os interesados poden achegarse á Casa da Xuventude de Tui o próximo luns, 26 de outubro ás 19 horas, onde as persoas responsables do proxecto explicarán e presentarán esta nova actividade que se desenrolará no Baixo Miño.
O noso compromiso
Esta iniciativa surxe do compromiso de Cruz Roja Española cos colectivos máis vulnerables e que se plasma nunha das súas liñas de actuación máis relevantes, promover a educación e a dimensión ambiental en todas as áreas de actuación de Cruz Roja como eixe transversal e de acción indirecta para reducir a vulnerabilidade e mellorar a calidade de vida das persoas, segundo o Plan de Acción de CRE 2007/11 e os dictámenes aprobados pola IV Asamblea General de Cruz Roja Española (2007)
21 oct 2009
Cúmprense tres anos daquelas grandes riadas
21.10.09
Comentar
Tal e como nos lembra Ricardo Villa Sobrino, con estas impactantes fotografías que remitiu á nosa redacción, hoxe, 22 de outubro de 2009, cúmprense tres anos daquel "diluvio" e consecuente crecida dos ríos que deixou no Rosal (e Galicia) múltiples perdas materiais. No Boletín Informativo Municipal do ano 2006, nº 46, se podía ler "desas-
troso acontece-
mento... " e afirmábase que un desastre similar -e aínda con vítimas mortais- só se coñecía por "refe-renza dos máis vellos do lugar e algún documen-to... unha crecida da noite do 11 de novembro, día de San Martiño, en 1821". Deste agora boletín anual que dirixe o escritor e historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe, extraemos literalmente a seguinte nota con referencia a ese feito: "Por un documento antigo que coñecemos, procedente do Priorato de San Antón, sabemos que o referido 11 de novembro de 1821 houbera na nosa zona una furiosa tempestad de agua que cayó por espacio de una hora hizo crecer de tal modo los riachuelos... que saliendo el grande (o Tamuxe) de madre 24 cuartas de alto... llevó cuantos molinos, presas y puentes había en él en cuya desgraciada noche para el Priorato, se ahogaron seis personas que estaban en los molinos". Neste documento alúdese aos muíños que se arruinaron e ás perdas económicas ocasionadas para o Mosteiro de Oia. Na nosa reportaxe fotográfica realizada naquela ocasión puidemos constatar a presenza desa data (1821) nunha rocha ao pé do río, que di a tradición, foi ata onde chegou a auga da pesqueira do Funga, en Caselas.
Reportaxe do II Festival Folk do Rosal 2009
21.10.09
Comentar
Aquí vos deixamos a reportaxe fotográfica que realizou Jesús González Álvarez (Suso) con motivo do II Festival Folk do Rosal -coordinado pola Agrupación Musical da vila- e que contou coa actuación dos seguintes grupos: Lareira (A Guarda), A Subela (Noia), Os Irmandiños (Vincios) e o Rancho Folclórico de Gondarém (Portugal). Tamén houbo cantina e celebrouse un magosto para todos os asistentes.
O Rosal, parte do "Camiño Portugués da Costa"
21.10.09
Comentar
Última reunión no concello de Baiona. (Foto: Sonia Rial)
Dende hai tempo representantes políticos e técnicos do concello do Rosal estanse reunindo cos seus homólogos dos outros municipios polos que discorre o Camiño Portugués da Costa co propósito de ultimar detalles para o correcto funcionamento do mesmo. A última destas xuntanzas foi hai uns días en Baiona, a onde asistiron a concelleira e o técnico de Cultura rosaleiros para resolver unha serie de cuestións e dúbidas onde se convocaron tamén a membros da Xunta, do Xacobeo, da Federación Provincial de Hostelería, da Asociación Eduardo Chao e da Asociación Amigos de los Pazos. Nesta reunión conseguiuse fixar unha liña de actuación conxunta e marcar unhas pautas a seguir con obxectivos a corto prazo por parte dos entes implicados.
Entre os temas tratados destacou a sinaléctica do trazado, que se realizará tanto con "mojones" en chan rural, conchas de cerámica en zona urbana e pracas de bronce nos cascos históricos dos concellos que o teñan, como por exemplo A Guarda, Baiona ou Vigo. Outro tema destacado foi o do aloxamento. Tratouse a posibilidade de realizar albergues provisionais, dependentes da Xunta e se expuso por parte do Xacobeo, un proxecto que entrará en funcionamento proximamente, que é o "Pasaporte Xacobeo", no que se incluirán descontos en aloxamento ou restauración en todos os establecementos que se asocien ao proxecto. Con respecto á divulgación e promoción do Camiño, o Xacobeo comprometeuse a realizar un folleto específico, con toda a información dos municipios, así como a publicitalo nas diferentes actuacións de promoción que se realicen, como feiras de turismo, confirmando que o próximo ano este Camiño Portugués da Costa terá a mesma difusión cos outros oito Camiños.
20 oct 2009
Éxito do I Campionato de Futbolín do Rosal
20.10.09
Comentar
Os pasados 10 e 11 de outubro celebrouse na Praza do Calvario do Rosal o I Campionato de Futbolín "Os Cabaqueiros" en homenaxe aos vellos telleiros do Baixo Miño nun ambiente de festa e exemplar compañerismo entre os participantes. O torneo foi gañado pola parella formada por Sergio Casal Fernández e Luis Martínez Pereira (Yeya·Luis) que gañaron na final a Sergio Rodríguez Álvarez e Braulio Álvarez González (RMX·NIÑO). Na loita polo terceiro posto venceron Diego Álvarez Fernández e Diego Martínez Alonso (By Per@) ao equipo "Os Amigos" integrado por Antonio Lomba Rodríguez e José Martínez Fernández. En breve publicaremos as imaxes da entrega de premios que tivo lugar o 12 de outubro, día, precisamente, da Festa do Cabaqueiro. De momento velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica desta "maratón" de futbolín.
19 oct 2009
Serafín Martínez pasará hoxe polo quirófano
19.10.09
Comentar
Serafín mantivo un coloquio cos futbolistas de categoría xuvenil do Real Club Celta de Vigo onde segundo a web do Xacobeo Galicia "puso el acento en tres aspectos fundamenta-
les: los estudios, la perseverancia en el esfuerzo y en los cuidados fuera de las horas de entrenamien-
to". Na mesma páxina do equipo galego afírmase que Serafín Martínez someterase hoxe martes ás 9 horas, na Clínica de Fátima de Vigo a unha leve intervención quirúrxica por unha bursite no seu pé esquerdo. (Fotos: X.G.)
Xogos Populares en Fornelos pro Entroido 2010
19.10.09
Comentar
Este sábado 24 de outubro a partir das 15:30 horas celebraranse -a favor do Entroido 2010- Xogos Populares de "Bolos, Chave e Sapo" nas Escolas de Fornelos. Haberá dúas categorías (homes/mulleres) con premios para os tres primeiros clasificados de cada xogo. A inscrición poderase facer o mesmo sábado dende as 15 ás 17 horas.