TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

6 sept. 2009

“Berberecho II”: un filme nos ariños do Miño

Segundo informa Xurxo González, dende o día 5 e ata o 8 de setembro vaise a filmar na Guarda a curtametraxe de ficción que leva por título Berberecho II, do director J. M. Bazarra Maneiro “Sepi”. Esta produción conta cunha subvención da Consellería de Cultura e Turismo, coa participación da Morraceira-Asociación Cultural e coa colaboración do Concello da Guarda e da Câmara Municipal de Caminha. “En terra de ninguén”, porque sobre todo vaise filmar na auga, no último tramo do río Miño. O escenario principal desta curtametraxe é o transbordador Santa Rita de Cassia que une como un cordón umbilical ás dúas últimas localidades da Foz do Miño. Unha canle flanqueda por garzas e cormoráns, afondada periodicamente por unha gabarra para impedir que os sedimentos áridos obstrúan esta vía de comunicación situada ao abeiro dos cumios do Santa Trega e de São João da Arga.
Nesta paraxe privilexiada de vistas idílicas xorde como unha sombra fantasmagórica “el”, interpretado polo actor Carlos Villa. Despistado e confuso érguese unha mañá no “día máis triste do ano” para o pobo da Guarda: o luns de despois da Festa do Monte, o “Día da Desfeita”. A desorientación lévao a un novo receptáculo pechado, a un microcosmo da sociedade, a unha diana no que cravar os seus dardos da desazón, ao transbordador que, causas do destino, leva por nome Berberecho II.(Flash-back)En 2001 uns intrépidos mozos saídos de Xornalismo fixeron unha práctica de escola que se convertiu nun filme de culto chegando, incluso, a estar nominado para aos Mestre Mateo (http://flocos.tv/curta/berberecho/). A curtametraxe contaba a historia dun parroquiano que comentaba con ironía a fauna que se atopaba no Berberecho: un famoso bar de Santiago glosado, no seu momento, por Siniestro Total. (Elipsis). Desde aquela… pasou moito tempo e todo o equipo que participou nesa experiencia primixenia decidiu retomala no que vai ser a primeira curtametraxe con secuela do audiovisual galego. Este acto de atavismo, reencontro co inicio é como un feito subersivo dunha xeneración. A personaxe de Carlos Villa ten oito anos máis e o seu nihilismo xa non é tan frívolo e superficial. Agora o protagonista, con máis de trinta anos, ten unha visión máis áceda e caústica da vida.
Berberecho II recolle o sentimento dunha sociedade ofuscada e traumatizada. Desde o 2001 aconteceron a caída das Torres Xemelgas, guerras en Oriente Medio, vacas tolas, gripe aviar, gripe A, cataclismos naturais, fondas crises económicas… Un abismo no que o protagonista encarnado por Carlos Villa non ficará indolente e tratará de buscar unha saída ao desespero xeralizado. J. M. Bazarra Maneiro, máis coñecido por “Sepi”, volve a coller o timón para dirixir este proxecto de Berberecho II. Tras a experiencia frustrada da realización da súa primeira longametraxe “Setembro”, volve a revolverse ao destino e demostrar el, e o seu equipo, a súa valía e profesionalidade. As feblezas do audiovisual galego non se disipan porén, cada vez máis, hai máis gañas de retomar ilusións que outros deron por perdidas.

0 comentarios:

Publicar un comentario