TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

15 dic 2009

Celebrouse a Romaría de San Martiño, 2009

O pasado domingo 13 de decembro -e despois de varias semanas de mal tempo- a parroquia de Santa Mariña do Rosal celebrou, tal e como observamos nestas fotografías xentileza de Luís Dorado Senra, a festa-romaría de San Martiño, avogado das “espullas”. A procesión co Santo saíu do adro ás 10:30 horas acompañada polos seus devotos, previas poxas e con repique de campás e tirada de foguetes.
Aínda que con menos xente que outros anos esta celebración segue sendo unha das poucas romarías típicas que aínda perduran no Baixo Miño. San Martiño, bispo de Tours, Francia (séc. IV) cuxa festa oficial é o día 11 de novembro, conta con capela do século XVI, sita na cima dos montes do mesmo nome.
Segundo o historiador local Xoán Martínez Tamuxe “foi titular da Granxa que os frades do Mosteiro de Santa María de Oia, tiveron no lugar de Martín, xuradía de Fornelos”. Outros autores afirman que esta ermida é lembranza dun posible cenobio de “San Martín de Turonio”, fundado no século VII por San Fructuoso.
Nesta romaría, antigamente se subhastaban pezas que lograban os cazadores da zona en favor do Santo. Hoxe en día tamén hai poxas de produtos e se seguen facendo os enxebres magostos. Ademais de aceite e velas, continúa a singular promesa tradicional da ofrenda de tellas para a súa capela (e mellor se son roubadas).
A misa, que oficiou o párroco D. Julio Ramos, foi como sempre de campaña debido aos centos de romeiros asistentes, que ao rematar a eucaristía procederon a comer de campo preto das inmediacións da capela.
Antes da baixada do santo os devotos que levaban promesas pasaron pola santeira para que lles aplicase o “aceite do Santo” nas espullas ou verrugas. A procesión foi despedida como se recibiu, isto é, co repique da campá, neste caso, da capela. O Santo fixo as tradicionais paradas tanto no “Pouso” como diante da casa dos mordomos, a familia “Acevedo” ou “Os da Torre”, de Fornelos. Xa á tardiña a procesión chegou á igrexa parroquial onde foi agardada polos fieis e novamente con tirada de foguetes e o mencionado repique de campás.

0 comentarios:

Publicar un comentario