29 sept 2008
A Asociación Sociocultural O Cachón (Teo-A Coruña) de visita na nosa Vila
29.9.08
Comentar
O domingo 28 de setembro, previo contacto co Departamento de Turismo que preside Mª de los Ángeles Vicente Manzano, visitou o noso pobo rosaleiro unha representación da "Asociación Sociocultural O Cachón" da parroquia de Calo (Teo), máis concretamente 23 persoas de Vilar de Calo e Cabovila. Entre eles atopábase a súa presidenta Celia Casal Castiñeiras e membros da directiva. Antes de achegarse a O Rosal e admirar os nosos Muíños, realizaron unha viaxe por toda a costa que os levou por exemplo a Nigrán, Baiona (onde visitaron o Parador e a Virxe da Roca) ou A Guarda (parando no Castro e o Museo de Santa Trega).
O Rosal, "em destaque" na prensa portuguesa
29.9.08
Comentar
Co título: "O ROSAL FOI O CONCELHO GALEGO EM DESTAQUE NA FESTA LUSO-GALAICA DA CASA DA ANTA" o Jornal Digital Caminha 2000, de periodicidade semanal, no seu número 407 (27 Setembro ao 3 Outubro, 2008) realiza unha reportaxe da XVI Festa que se celebrou en Lanhelas e que tivo a O Rosal como concello convidado. Aquí vos deixamos o enlace a esta noticia do xornal portugués: http://www.caminha2000.com/jornal/n407/lanhelas.html
25 sept 2008
Tres brasileiras con familiares e ascendentes galegos visitan os Muíños do Folón e do Picón
25.9.08
Comentar
O xoves 25 de setembro, previo contacto co Departamento de Turismo do Rosal, achegáronse ata a nosa Vila para coñecer os Muíños do Folón e do Picón as brasileiras María de Lourdes de Oliveira Torres, Anita Fernandes Rodrigues e María Aparecida de Oliveira Torres. Antes de partir para a súa terra déronse un "paseíño" por Europa visitando países como Turquía, Portugal ou recentemente, Grecia e finalizando en España, coa visita a Galicia e máis concretamente ao Rosal.
24 sept 2008
Tivo lugar a tradicional Romaría de Santa Trega na Vila da Guarda
24.9.08
Comentar
Como cada 23 de setembro a "Hermandad del Clamor" (asociación eclesiástica que reúne ás sete parroquias do Rosal e A Guarda) celebrou a tradicional e piadosa Romaría de Santa Trega. Tal e como estaba programado as misas comezaron ás 8 da mañá e remataron ás 11 coa misa solemne. Esta foi oficiada polo párroco guardés D. Jesús García Villadóniga. Seguidamente saíu a procesión coa Santa e a Reliquia, acompañadas de distintas autoridades e os numerosos devotos facendo o itinerario de costume. Finalizou esta romaría coa típica puxa das ofrendas dedicadas á protomártir Santa Trega. Aquí vos deixamos o vídeo desta tradicional romaría do Baixo Miño:
22 sept 2008
O Rosal tamén contará cunha aula na Escola Comarcal de Teatro Baixomiñota
22.9.08
Comentar
Despois dunha reunión entre colectivos culturais e representantes públicos do Concello do Rosal, e ante o grande interese amosado polos veciños rosaleiros en iniciarse ou perfeccionarse na aprendizaxe do teatro, a Asociación Cultural Terras do Baixo Miño -promotora e directora do proxecto- formará unha aula tamén na nosa Vila. Lembramos que o curso comezará o 1 de outubro e que a idade mínima para poder acceder ás clases é de 6 anos, contando con mestres especialistas na materia.
Para máis información podedes dirixirvos ao teléfono 687 022 348.
21 sept 2008
Celebrouse a XVI Festa Luso Galaica que tivo a O Rosal como concello galego convidado
21.9.08
Comentar
Germano Ramalhosa, propietario da Casa da Anta, agradecendo ao alcalde do Rosal, Sr. Fernández Portela, os agasallos recibidos
Celebrouse o sábado 20 de setembro no Hotel Rural Casa da Anta a XVI Festa Luso-Galaica, sendo O Rosal o concello galego convidado. Pronunciou o pregón deste ano o escritor e investigador Xoán Martínez Tamuxe. Entre os asistentes a este evento atopábanse o alcalde da Vila, Jesús María Fernández Portela na compaña da súa dona, membros da corporación municipal, representantes e presidentes da Fundación O Rosal, Grupo Filatélico e Numismático da localidade ou da Agrupación Musical rosaleira. Tamén fixeron acto de presencia os escultores Julio Martínez Martínez e o tomiñés Magín Picallo, os debuxantes Manuel "Sandianes" e Marina Domínguez así como a poetisa -pregoeira do pasado ano- Andrea Pousa, a presidenta da Agrupación Cultural Guardesa, Julia Sobrino ou o ex-alcalde de Tomiño, José Luís F. Lorenzo. Pola banda portuguesa achegáronse ata a Casa da Anta, entre outros, o Dr. Francisco Sampayo, o escritor Castro Guerreiro e tamén xornalistas e representantes das Cámaras municipais de Camiña e Vilanova de Cerveira. Durante toda esta xornada houbo múltiples exposicións e actuacións de artistas dunha e doutra beira do río Miño. Os grupos folclóricos Lirolai e Lavradeiras da Meadela amenizaron esta cea de convivio luso-galaica. Noticiasorosal estivo en Lanhelas facendo a seguinte reportaxe en forma de vídeo: http://es.youtube.com/watch?v=vK8jRjFjUA4
20 sept 2008
Aínda quedan prazas para o novo Taller de Estimulación da memoria
20.9.08
Comentar
Segundo nos informa Neli Rodríguez, o próximo 1 de outubro a Asemblea Comarcal de Cruz Vermella Baixo Miño reanudará por sexto ano consecutivo o Taller de Estimulación de memoria para maiores de 65 anos. Este proxecto que comezou en 2003 e que se realiza nas aulas cedidas polo "Club de jubilados y pensionistas de A Guarda", está coordinado polos voluntarios e voluntarias de Cruz Vermella. Co tempo foise consolidando, aumentando o número de usuarios e diversificando as súas actividades. Con este taller, ademais de conservar a capacidade e destreza mental dos máis maiores, preténdese ocupa-lo seu tempo libre e promover as súas relacións interpersoais, potenciando e mellorando a súa autoestima. Hai que dicir que estas actividades son de carácter gratuito.
Para máis información poden dirixirse aos teléfonos: 986 61 46 09/ 606 348 471, ou achegándose ás oficinas de Cruz Vermella na rúa Agustín Nandín Lomba, nº 1 baixo. Velaquí vos deixamos o vídeo da entrega de diplomas que se celebrou con motivo do anterior taller no Centro Cultural da Guarda o 1 de xullo deste ano: http://es.youtube.com/watch?v=Fdqe0GEDZJs
18 sept 2008
Torneo de balonmán feminino na Guarda (19-20 de setembro)
18.9.08
Comentar
Segundo información remitida a Noticiasorosal, esta fin de semana (venres e sábado) xogarase un torneo de balonmán feminino na Vila da Guarda no que participarán o Seis do Nadal, Chapela, Lavadores e o anfitrión Mecalia Atl. Guardés. O primeiro partido dará comezo o venres ás 20:00 horas e enfrontará ao Seis do Nadal (2ª Nac.) contra o Mecalia Atl. Guardés (1ª Nac.)
O segundo, disputarano o Chapela (2ª Nac.) contra o Lavadores (1ª Nac.)
Os partidos polo terceiro e cuarto posto terán lugar o sábado ás 18:00 horas, xogándose dúas horas e media máis tarde a final. Temos que lembrar que a presidenta do Mecalia Atl. Guardés é Esperanza Iglesias Vilachá, veciña de Pías (O Rosal).
Visita turística a O Rosal dos maiores de Allariz (Ourense)
18.9.08
Comentar
O xoves 18 de setembro, previo contacto co Departamento de Turismo que dirixe Ángeles Vicente Manzano, tivo lugar unha visita a O Rosal dunha representación dos maiores -según eles mesmos, mozos- de Allariz. Acompañando ao grupo estaban, entre outras, a Concelleira de Benestar Social, Pilar Gallego Cid e a rosaleira Ana Pérez Cardoso, Técnica de Igualdade dese concello ourensán. En primeiro lugar e ás 10'30 horas visitaron a igrexa parroquial de Santa Mariña, onde os agardaban o guía municipal rosaleiro e o noso abade, D. Julio Ramos quen amablemente lles ofreceu unhas pequenas explicacións do templo e do altar maior barroco. Seguidamente tomaron uns cafeciños e puxeron rumbo aos Muíños do Folón. Aquí puideron admirar a conversión do millo en fariña na demostración de moenda que se realizou no "Muíño das Laxes". Rematada esta, comezaron o percorrido polos nosos muíños rosaleiros, facendo (como bos mozos) a ruta completa nun ambiente de ledicia e cordialidade. As Aceñas foi o seu seguinte destino, onde pararon a comer antes de achegarse ao veciño concello da Guarda. Aquí vos deixamos as fotografías da súa estadía na nosa Vila:
15 sept 2008
Todo preparado para a XVI Festa Luso-Galaica en Casa da Anta
15.9.08
Comentar
Noticiasorosal estivo este luns 15 de setembro en Lanhelas, na Casa da Anta comprobando que xa está todo listo para a XVI Festa Luso-Galaica, que ten este ano a O Rosal como convidado. O seu responsable, Germano Ramalhosa, recibiunos na súa magnífica morada ensinándonos tódolos pormenores da Casa. Os cadros e debuxos de Florindo Álvarez, Marina Domínguez e Manuel Rodríguez "Sandianes" xunto coas esculturas de Félix Fidalgo e Julio Martínez xa estaban colocadas e expostas para que as preto de 400 persoas que se agardan as admiren. Nun dos múltiples departamentos e salas da Casa da Anta observamos tamén unha selección das obras culturais e turísticas publicadas polo Concello do Rosal. Todo preparado para que o sábado 20 de setembro ás 19:30 horas (portuguesas) dé comezo esta xuntanza, esta Festa de amizade entre Galicia e Portugal.
12 sept 2008
Na Revolta presentará o seu novo disco no Auditorio Municipal de O Rosal
12.9.08
Comentar
Na Revolta, grupo de música tradicional que naceu na Guarda en 2001, presentará o seu novo disco "Na Revolta... al punto" no Auditorio Municipal do Rosal o 10 de outubro, dentro do programa das Festas do Pilar 2008. Integrado por Elena, Diego, Silvia, Iván, Miguel e Xurxo este conxunto ofrece un repertorio que conxuga pezas populares con composicións propias, coa influencia de diferentes ritmos da cultura asturiana ou mesmo da irlandesa. Para coñecelos un poquiño máis aquí vos deixamos o enlace á súa web oficial: http://www.narevolta.mihost.eu/gl
11 sept 2008
Talleres de inverno para nenos e nenas
11.9.08
Comentar
O próximo luns, 15 de setembro, a Asemblea Comarcal de Cruz Vermella Baixo Miño abrirá o prazo de inscrición dos seus talleres de inverno para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. No mes de outubro os voluntarios e voluntarias desta asemblea iniciarán unha serie de actividades, os mércores no CEIP Mestre Manuel García de Oia e os luns e sábados na súa sede, na Guarda. Talleres de Mediación Social onde se ofrecerá aos menores unha intervención integral mediante o apoio escolar reforzando as súas iniciativas e as súas relacións cos demais compañeiros ou talleres para favorecer o correcto desenrolo das habilidades psicomotrices finas dos nenos e nenas, a súa imaxinación, etc.
Para realizar as inscricións ou informarse sobre calquera dúbida poden dirixirse ao teléfono 986 61 46 09 ou achegándose as súas oficinas na rúa Agustín Nandín Lomba, nº 1 Baixo. Temos que lembrar que tódalas actividades desenroladas por Cruz Roja son gratuitas.
Programa das Festas do Pilar 2008 no Rosal
11.9.08
Comentar
Chegada da procesión á igrexa de Santa Mariña nas Festas do Pilar do ano pasado
O departamento de Cultura que preside Charo Tabales Perozo facilitounos o programa das Festas do Pilar 2008 que se celebrarán os días 10, 11 e 12 de outubro.
·O venres 10 terá lugar o Obradoiro de tellas para nenos e nenas a partir das 16:00 horas na Praza do Calvario. Ás 21:00 h. no Auditorio Municipal actuará o grupo de música Na Revolta.
·O sábado 11, e á mesma hora (16 h.) novos Obradoiros de decoración das tellas, cadros de area e coiro. A partir das 10 da noite na Praza, gran verbena amenizada polas orquestras Chicago e Televisión.
·O domingo 12, ás 11 da mañá pasarrúas e ás 12 h., Misa solemne cantada pola Coral da Agrupación Musical do Rosal. A partir das 17:00 horas, comezará a XXI Festa de lembranza aos Cabaqueiros, que contará este ano como pregoeiro con D. Avelino Bouzón Gallego, Director do Arquivo Histórico-Diocesano de Tui.
Este ano tamén haberá demostracións doutros oficios, tales como o de canteiro e de ferreiro durante todo o día. Xa ás 20 horas porá o broche de ouro a estas Festas do Pilar 2008 a Agrupación Musical do Rosal ofrecendo un concerto.
A revista Cultura Baixomiñota publica o seu terceiro número
11.9.08
Comentar
O número 3 da revista Cultura Baixomiñota correspondente ao mes de setembro xa está na rúa. Dirixida por Enrique Álvarez e contando na redacción con Beti Rey e Juan Ramón Martínez Barbosa, realízase nesta ocasión unha reportaxe co título Achégase a vendima onde se fala do viño do Rosal que "é sinónimo de calidade e excelencia". Por suposto a axenda cultural, turística e de ocio deste mes no Baixo Miño está reflectida nas súas páxinas. A sección de Gastronomía está dedicada ao restaurante "Casa da Pintora" de cociña tradicional. En canto á reportaxe Escapada, os protagonistas -con máis de media ducia de fotografías a toda cor- son os Muíños do Folón e Picón.
9 sept 2008
O ciclista Serafín Martínez Acevedo está disputando a "Vuelta a España 2008"
Por segundo ano consecutivo o ciclista rosaleiro Serafín Martínez Acevedo do equipo Xacobeo Galicia, que dirixe Álvaro Pino, disputa a "Vuelta a España". O novo patrocinador, que substitúe ao Karpin Galicia nesta volta e ata peche de temporada, pretende dar unha oportuni-
dade aos ciclistas galegos para continuar a traxec-
toria deportiva en Galicia ao máximo nivel. Así mesmo quere ser un referente para os ciclistas que comezan a súa carreira e para o ciclismo base. Temos que lembrar que Serafín Martínez Acevedo tivo unha destacadísima actuación na edición da Vuelta a España 2007 onde chegou a levar o maillot da Montaña nas nove primeiras xornadas. O 22 de setembro dese ano o Concello ofreceulle unha recepción oficial e entregoulle a Insignia de Ouro do Rosal en forma de pin. Para máis información podedes visitar a páxina do xornal MARCA e seguir as evolucións de Serafín, que de momento, e tras doce etapas, está no posto 116 da clasificación xeral a 01:14:03 do líder Egoi Martínez (Euskaltel-Euskadi): http://www.marca.com/ciclismo/2008/vuelta/clasificaciones/
8 sept 2008
Chamamento de Cruz Roja Española
8.9.08
Comentar
Segundo nos informa Neli Rodríguez, a dirección de Cruz Roja Española decidiu facer un chamamento para captar doazóns en favor das vítimas dos Huracáns 2008 que están asolando a diferentes países do mundo e en especial do Continente Americano. Pódese facer de diferentes formas: mediante entidades bancarias, en internet (http://www.cruzroja.es/), no teléfono 902 22 22 92 ou por mensaxe de móvil, enviando un sms co texto CR ao 5280 (só clientes Vodafone). O prezo da mensaxe é de 0.90 Euros + 16% de IVA. A cantidade total (1,04 Euros) se cede directamente a Cruz Roja Española.
Reportaxe fotográfica do 3º Encontro de Lambrettas na Praza do Calvario
8.9.08
Comentar
Recibidos pola concelleira de Turismo do Rosal, Mª de los Ángeles Vicente Manzano, chegaron tamén á Praza do Calvario -coincidindo coa II Feira de Oportunidades- os integrantes deste 3º Encontro de Lambrettas luso-galaico. Para ver as fotografías deste evento na nosa Vila, facede click no seguinte enlace:http://orosalenimaxes.blogspot.com/2008/09/3-encontro-de-lambrettas-portugal.html
7 sept 2008
Celebrouse a II Feira de Oportunidades
7.9.08
Comentar
Como tíñamos anunciado, aquí vos deixamos unha pequena reportaxe fotográfica da II Feira de Oportunidades que se celebrou o domingo 7 de setembro na Praza do Calvario. Para ver as imaxes facede click en: http://orosalenimaxes.blogspot.com/2008/09/ii-feira-de-oportunidades-na-praza-do.html
6 sept 2008
Créase a Escola Comarcal de Teatro
6.9.08
Comentar
A Asociación Cultural Terras do Baixo Miño que preside Enrique Álvarez infórmanos da posta en funcionamento da Escola Comarcal de Teatro. Dita escola contará con aulas en Tui, Tomiño e A Guarda coa intención de cubrir os cinco concellos do Baixo Miño. Haberá un equipo multidisciplinar con ampla experiencia que dará clases de interpretación, clown, malabares... O curso dará comezo o 1 de outubro. Este proxecto súmase a outros dirixidos pola Asociación como a guía “Cultura Baixomiñota”, publicación mensual con toda a axenda da cultura, ocio e turismo da comarca.
5 sept 2008
A revista Go! dedícalle unha reportaxe aos Muíños do Folón e Picón
5.9.08
Comentar
A revista Go! de Vigo dedicou fai pouco unha reportaxe sobre os Muíños do Folón e Picón na súa sección de Turismo, baixo o epígrafe "Te interesa. No te lo pierdas". Se ben temos que dicir que o texto está copiado integra-
mente da páxina de turismo do Concello. Dirixida na cidade olívica por Waldo Daniel Castro, dende Internet eles mesmos definen o seu portal de ocio, noticias e cultura (http://www.laguiago.com/vigo/) como "el más completo de España, con toda la información de conciertos, festivales, cine, teatro, exposiciones, restaurantes, locales de copas y mucho más".
Dobre compromiso para o Mecalia Novás de O Rosal. Copa Galicia e Torneo organizado polo Atlético Guardés
5.9.08
Comentar
Axenda apretada para o Mecalia Novás. O venres, e ás 20:30 horas no pavillón A Pinguela de Monforte de Lemos, o Mecalia Novás de O Rosal disputará unha das dúas semifinales da II Copa Galicia fronte á Sociedade Deportiva Teucro. A outra semifinal será entre o Pilotes Posada e o Frigoríficos do Morrazo. En caso de gañar, o Novás disputaría o domingo en Bueu a final ás 13:00 horas.
O sábado 6, nun torneo que organiza o balonmán guardés, enfrontaranse a partir das 18:30 horas o Magope Seis do Nadal contra o Calfoncal Lavadores e de seguido o Atlético Guardés contra o Mecalia Novás. Os partidos polo terceiro posto e a final disputaranse o domingo a partir das 11:30 horas no pavillón municipal de A Guarda.
4 sept 2008
O 3º Encontro de Lambrettas Galicia-Portugal parará no Rosal
4.9.08
Comentar
Este domingo 7 de setembro terá lugar o 3º Encontro de Lambrettas de Galicia-Portugal. A saída será dende Vila do Conde, cidade portugue-
sa do distrito de Oporto. O paseo, que está organizado por Jesús Vieito, está previsto veña á Praza do Calvario sobre as 13:00 horas españolas. A chegada destas motos coincidirá coa II Feira de Oportunidades, que se estará celebrando tamén na praza da Vila, polo que se agarda unha gran afluencia de público. Estes amantes das lambrettas rematarán a súa estadía no Rosal cunha comida nun coñecido restaurante da zona. (Fotografía: Cris Tobío).
3 sept 2008
O Rosal, protagonista da XVI Festa Luso-Galaica organizada pola Casa da Anta
3.9.08
Comentar
Este ano 2008 o convidado á Festa Luso-Galaica. Encontro de Culturas, Desporto e Turismo do Norte de Portugal e Galiza, será o Concello de O Rosal. Organizado pola Casa da Anta (máis información en www.casa-da-anta.com), este evento, que xa vai pola súa XVI edición, estará dedicado á nosa Vila. O sábado 20 de setembro, ás 19'30 horas do país veciño, haberá unha "Cea de Convivio" con gastro-
nomía e animación cultural galega e portuguesa.
O pregoeiro desta XVI Festa Luso-Galaica será o historiador e investigador rosaleiro Tamuxe: (http://www.xoanmartineztamuxe.blogspot.com/).
Neste Encontro, celebrarase unha exposición coas publicacións culturais e turísticas do Concello. Haberá unha mostra dos nosos artistas Florindo Álvarez Martínez (óleo, debuxos e escultura), Félix Gómez Fidalgo e Julio Martínez Martínez (escultura), Marina Domínguez Lomba (óleo e debuxo) e Manuel Rodríguez Álvarez (debuxo).
Actuará o Grupo Lirolai da Agrupación Musical do Rosal e poderanse degustar os produtos típicos da Fábrica A Rosaleira e da Adega Terras Gauda.
A organización confirmou a asistencia de entidades oficiais da Comunicación Social, da Cultura, Deporte e Turismo do Norte de Portugal e de Galicia.
2 sept 2008
Ábrese o prazo de inscrición para os cursos organizados pola OMIX do Concello do Rosal
2.9.08
Comentar
O Servizo de Información Xuvenil e Animación Sociocultural do Concello do Rosal infórmanos que xa está aberto o prazo de inscrición para os diferentes cursos que se van celebrar no mes de outubro. As persoas interesadas na realización das actividades ofertadas deberán presentar no Rexistro Municipal a correspondente solicitude en impreso facilitado polo Concello. A admisión nos cursos realizarase por rigorosa orde de inscrición. En caso de cubrirse as prazas, abrirase unha lista de espera que se rexerá polo criterio de selección anterior. Estes son os cursos:
XIMNASIA FUNCIONAL
Días e horas: luns, mércores e venres de 18:00 a 19:00 horas no Centro Social Polivalente.
XIMNASIA MANTEMENTO—AERÓBIC
Días e horas: 20:30 a 21:30. Pendente de confirmar os días no Pavillón do CPI Suárez Marquier.
IOGA
Día e hora: luns pola tarde de 20 a 21:30 horas no Centro Social Polivalente
DANZA DO VENTRE
Día e hora: xoves de 20:00 a 21:30 no Centro Social Polivalente.
PINTURA NENOS E ADULTOS
Días e horas:
Adultos: xoves e venres de 20:00 a 21:30 horas
Nenos: sábado de 11:30 a 13:30 horas
OBRADOIRO DE MEMORIA
Día e hora: martes e xoves de 17:00 a 18:00 no Centro Social Polivalente.
Outros cursiños que a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) tamén quere organizar:
BAILE TRADICIONAL
LABORES
COSTURA PARA PRINCIPIANTES
ARTE FLORAL